Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2025. A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal) celebrará o vindeiro 24 de marzo a VII Edición dos seus Premios nunha gala que terá lugar en Santiago de Compostela. Estes galardóns recoñecen a administracións, empresas e profesionais dos medios de comunicación que demostraron un firme compromiso coa inclusión laboral das persoas con discapacidade e co labor dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.
Na categoría de Comunicación, os xornalistas Toni Silva e Adrián Amoedo serán galardoados pola súa destacada labor informativa en favor da inclusión laboral. Toni Silva, de La Voz de Galicia, foi recoñecido pola súa reportaxe sobre a integración de traballadores con discapacidade en Hornos Lamastelle, empresa emblemática de Oleiros que destaca polo seu compromiso social. Pola súa banda, Adrián Amoedo, xornalista de Faro de Vigo, foi premiado pola súa reportaxe sobre a inserción laboral de persoas con discapacidade na planta de reciclaxe de Coregal en Mos.
Na categoría de Empresas, as compañías Desarrolla e Opositatest recibirán o premio polo seu compromiso coa integración laboral e a responsabilidade social corporativa. Mentras que no ámbito da Administración Local, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol será recoñecida polo seu apoio constante e colaboración cos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.
Na categoría de Administración Autonómica, SEAGA será galardoada pola súa implicación en proxectos que fomentan a inclusión laboral de persoas con discapacidade.
Finalmente, na categoría individual, renderase unha homenaxe póstuma a José Luis Costoya Quintela, quen fora presidente da Asociación Amarai. Costoya, falecido o 5 de xullo de 2024, dedicou a súa vida a promover a integración laboral de persoas con discapacidade en Galicia, deixando un legado imborrable no ámbito da economía social.
A gala de entrega de premios celebrarase o 24 de marzo en Santiago de Compostela, nun acto que reunirá a representantes políticos, empresariais e sociais de toda Galicia, reafirmando o compromiso colectivo coa economía social e a inclusión laboral na rexión.